COA VIDA
por Olga Novo
Quen non está coa vida,
está coa morte.
Claudio Rodríguez Fer.
Houbo
quen o dixo antes, houbo quen o deixou dito para sempre: “
Courel
dos tesos cumes que ollan de lonxe,
Isto
dixo a montaña pola voz do poeta Uxío Novoneyra. Mais a lección dos
grandes mestres é difícil de comprender e de seguir. Porque é unha
lección de futuro que vén do pasado. Somos moitos os que comprendemos
o significado destas palabras, pero son demasiados os que non as
entenden nin queren entendelas. Porque a beleza e a poesía son sempre
radicais, reveladoras e irredutibles. Por iso aos poderes non lles
gustan. Por iso talvez a quen pretende ser xigante non lle vaia ben
escoitar o pouco que é un home.
María
Mariño dinamitou a fala para crear alta poesía. Agora, os poderes
deste país, faltos de tal enerxía creadora, dinamitan montañas, ríos,
xentes, pobos. Venden o lugar por parcelas ao mellor postor. Teitan o
mundo coas nosas lousas. Para que nunca neve a verdade a folerpas
grandes e libres. Para que o seu frío non nos esperte as conciencias.
Houbo quen o dixo antes. Tamén hai quen o di agora. E porque eu estou
coa vida déixoa falar a ela:
A DONICELA: vou paticando
solitaria por entre a herba. Rasco o ventre contra o codeso e a uz dáme
a súa sombra cada tarde. Baixo beber ao Río. Eu son a donicela libre
deste lugar. E vós, quen sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa.
A FAIA: son a faia fisterrá, a máis
occidental de toda Europa. Guío o voo do osíxeno cara ao Océano. Falo
cos veciños con signos do cuaternario. Son a gardiá do silencio deste
lugar. E vós, quen sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite.
A LONTRA DO LOR: aprendín a nadar o meu
saber aquí. Reloce o ouro no meu leito. Acompaño as augas
acabadas de nacer nos seus primeiros pasos. Lévoas ao lombo durante algúns
metros, bícanme o pelo e logo vanse. Eu son a lontra do Lor, a mestra
da corrente fluvial. E vós, quen sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa. Os enveladores da noite. Os
estraperlistas da pedra.
A AGUIA REAL: eu son a Raíña do ar. Fago o
meu niño na estratosfera. Non exerzo ningún dominio. E vós, quen
sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira.
O CÍRCULO GLACIAR: lembro ter sido un crómlech
de xeo. Desde a idade do frío teño memoria. No meu lugar loce a Lagoa.
Fun a parteira da beleza, nena bonita. Quedei aquí para cerrar para
sempre o círculo do amor. E vós, quen sodes?
O CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre.
A TOUPA: son a cega sabia que percorre o mundo baixo terra. A que excava
galerías para a vida. Para abrir o camiño aos vermes e ás raíces. A
que fala cos manantíos das cousas de cada día. A que vela o sono
dos tubérculos. Vexo xerminar a felicidade coa paz da que nada espera.
O CORO: Son os ladrós da lousa. Os enveladores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os
de nunca.
A ROCHA ÁCIDA: o meu corazón é sulfúrico.
Pero puro. E vós, quen sodes?
O CORO: Son os ladrós da lousa. Os enveladores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os
de nunca. Os amos do amor.
O GATO BRAVO: Felicidade Felina. Nada mellor que o montés e a súa
furia. Son o gato irredento. Condénovos canda o Coro, maldita especie
doméstica e amestrada. Caia sobre vós, que caia esta montaña miña de
desprezo e lousa.
O CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os de
nunca. Os amos do amor e da dinamita.
A COVA DA MOURA: Veciños da Campa, vide a
min. Criaturas indefensas, entrade. A Moura fía aquí o eco milenario e
garda o fusil do fuxido. Acolleivos que veñen, que xa están ás portas
do noso espírito. Veciños da Campa, Baldomir, Pendella, Touzón,
Folgoso, Santa Eufemia.
O CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os de
nunca. Os amos do amor e da dinamita. Os rentistas do Paraíso.
FÓSILES MARIÑOS DA PREHISTORIA: Recordamos
todos aquel mar. Mais cando as augas baixaron comprendemos que a altura
e a profundidade son en realidade a mesma cousa. Tamén así o espírito,
ese trilobite que se quedou a vivir aquí. Pero vós, quen sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os de
nunca. Os amos do amor e da dinamita. Os rentistas do Paraíso. Os
Pizarreiros da podredume.
A VÍBORA DE SEOANE: son a víbora mortal de
Seoane, a da lingua bífida. Son o animal maldito. Enróscome coma a
roda solar. A terra réptame. O voitre branco devórame. O meu asubío
é un canto á harmonía de tódolos lugares polos que me arrastro por
puro amor. E vós, quen sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os de
nunca. Os amos do amor e da dinamita. Os rentistas do Paraíso. Os
Pizarreiros da podredume. Os Pizarreiros do Ceo.
A PEQUENA FLOR VENTUREIRA: son o Ser
Silvestre. Por iso a miña é a boa ventura. Medro a carón da avea
tola. Procedo dun pole errante, son, claro que son a pequena flor
aventureira. E vós, quen sodes?
CORO: Son os ladrós da lousa. Os envelenadores da noite. Os
estraperlistas da pedra. Os oráculos da mentira. Os de sempre. Os de
nunca. Os amos do amor e da dinamita. Os rentistas do Paraíso. Os
Pizarreiros da podredume. Os Pizarreiros do Ceo. Os Pizarreiros do
Poder.
A LOUSA DA CAMPA: Funme deitando aquí lámina
por lámina como a dor e a felicidade dos seres. Funme estratificando
madurecendo funme nacendo funme montaña abaixo montaña arriba ata
conquistar o interior da altura. Son a lousa da Campa extraída do alén
para formar parte da oculta composición do mundo. Pero non o voso
cascallo miserable o voso entullo criminal o voso ouro azul. Nacín para
ser cantada polo poeta. Existo por efecto da vida. Canta a lousa da
Campa e o seu CORO:
QUEN
NON ESTÁ COA VIDA, ESTÁ COA MORTE
QUEN
NON ESTÁ COA VIDA, ESTÁ COA MORTE
QUEN
NON ESTÁ COA VIDA, ESTÁ COA MORTE