Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto

 

NEGRITUDES

NÚMERO 6

 

NEGRITUDES LITERARIAS

Lingua e literaturas en África, por Carme Junyent

Introducción á literatura swahili, por Elena Bertoncini

Para que o lean meus fillos. Libros e producción escrita na literatura oral de Angola suroriental, por Axel Fleisch

Aniceti Kitereza: un escritor africano e a súa contribución á literatura mundial, por Wilhelm J. G. Möhlig

A literatura africana francófona e as súas linguaxes, por Kangni Alemdjrodo

Promesas consolidadas: a segunda xeración de escritores africanos, por Felicity Hand

A creación da realidade a través da literatura: Bessie Head, por Carme Junyent

NEGRO SOBRE BRANCO E BRANCO SOBRE NEGRO

Fela Anikulapo Kuti. Radicalidade crítica con ritmo afro-beat, por Olakunle Sikiru e Manuela Aira

Galicia a través do espello. Identidade e alteridade no pensamento de Castelao, por Manuel Fernández Rodríguez

Blues e gospels. Como sentidos por Margarite Yourcenar, por María Lopo

TRES TESTEMUÑOS 

Antonia de Cabo Verde. Corazóns entre as terras e os mares, por María Sara Fernández

Sandra de Nixeria. Un intento de renacer noutro país, por Manuela Aira

Lucía de Colombia. Volver marchar para alí, por Unión libre

ESTAMPAS MANUAIS 

Man a man, por Sara Lamas e Claudio Rodríguez Fer

NEGRAS NÓS 

Continentes negros, por Carmen Blanco

Marea negra, por Olga Novo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CONTINENTES NEGROS

 por Carmen Blanco

 

Versión pdf ou para imprimir

Índice de Negritudes

  

            Todo negro

 

            Todo negro. Ouh quel pays barbare, dixera o estranxeiro. Se fose verdadeiramente bárbaro. Canto máis te adentras nel, canto máis escuro. Mais só sombrizo e bárbaro como a humanidade e o mundo. Todo negro aquí. Como negro todo. Negro non saber.

 

 

            Negros e rosas

 

            Todo negro. Negro o negro, negras as rosas: negras nós e negros nós. Negros e rosas. Así cantaba a que choraba e ía cantando, sen saber se cantaba, choraba ou chovía. Continente negro. Negro contido. Cantáballe todo o coro do pobo dentro. Ela escoitaba no corpo do canto aquel canto da moza que cantaba para vergonza contra os castellanos maltratadores de gallegos. Cando van, van como rosas. / Cando ven, ven como negros!. E triste era o cantar da moza polo mozo máis branco que a neve morto de morte negra.

 

 

            Negro inferior non

 

            Todo negro. Apliquemos toda a intelixencia que temos. Ai cando falta intelixencia. Falta tamén bondade.

 

            Triste loco de atar el que ama menos

            le llama al que ama más;

            y terco impenitente, al que no olvida

            el que puede olvidar.

            Del rico el pobre en su interior maldice,

            cual si él rico no fuera si pudiese,

            y aquél siente hacia el pobre lo que el blanco

            hacia las razas inferiores siente.

 

Rosalía de Castro comprendeu a crueldade da incomprensión. A razón e a raíz dos combates do poder. A dialéctica da complicidade nada inocente de moitas víctimas. Negro inferior non. Intelixencia dános o coñecemento exacto das cousas. A mirada profunda que dá luz no interior do escuro. Apertura contra este tremendo desencontro. Abre. Non. Abrimos. Si. Ollos profundos. Negro profundo. Preñe profundo. Amor. Azul.

 

 

            Amor negro

 

            Todo negro. Grelan as rosas negras. Si. Alave licua o leite negro. Ébano e marfil. Si. Branco e negro. Si. Pai. Si. Café con leite. Si. Nai. Si. Bicos negros. Si. Irmáns. Si. Bocas negras. Si. Fillas. Si. Eros negro. Si. Meus amores. Se queremos. Amor promiscuo. Noite e aurora. Si. Amor mutuo. Si. Amores múltiples. Amor todo natural. Si. Amor grego. Amor negro. Amor galego.

 

 

            Negra froita

 

            Todo negro. Negreiros non. Nin vellas nin novas negreiras tampouco non. Ai os amores negros. Penden asasinados os froitos negros mortos. Sobreviven mortas as negras froitas chuleadas pola vida. Vida negra violada. Negras mortas. Pero tocamos e tocamos o froito reservado ao pai. E bailamos e bailamos na festa do patrón. Sen paieterno. Nos ghettos nosos. Traballamos recollendo o algodón. Curando con algodóns. E cantamos. Vós queredes os algodóns e os cantos. Putañeiros vós. Negras nós e negros vós. Carne negra. Carbón candente. Amor.

 

 

            Novelo negro

 

            Todo negro. Cando negro é só escuro entón negro é o novelo que envolve a verdade. Victoria é o nome dado ao lago pola dama sen lago da derrota dada no centro do corazón do continente africano. A avidez posesiva inventa o territorio que cre vencido calcando o V da victoria no río e nas fontes do mapa calcado e manipulando o M de morte nos nortes e lestes do relato manipulado sobre o sol. A marca VM é imborrable, mais o outro V da verdade da vida sempre sempre sempre revive porque a vida é así. Todo o negro ten máis de un nome. E o nome negro do ghetto é o da luz. Sol na sabana. Kplékplé. Non convenceredes. Nin con V de violencia explícita. Nin con V de violencia implícita. Nin con M de manipulación. Nin con M de imitación. Nin con M de imposición. Matades o sentido. Impoñedes a impostura. Impedides a resposta. Sen sentido quedades vós. Virá o convencemento. E veremos e verán e veredes a verdade do nome dinamitando o relato da ocultación. Amor. Corazón negro. Novelo de veludo. Para a gata e o gato sen nome que non se chaman porque veñen cando queren. E todo vai como a seda. Negra.

 

 

            Negras migracións

 

            Todo negro. África negra. América negra. Mundo negro. Unha e un vólvense negros e nigran. Longas linguas negras. Migracións. Sabor do exilio. Recollemos o que tiran. Limpamos o lixo que deixan. Lei de estranxeiría para a raíña Sofía. Non te vaia amor en lingala. Si. Son zulú. Voume á cidade onde as mulleres non teñen madres. Ouh mama en makua. Non terei o fallo dos fillos en shona. Mama morna. Lembra en wolof. Ti con A ou O es a filla da miña nai. Vén á bondade nada doada da irmandade. Pobre. Vén á sabana. E vamos á fonte. E ao río. Ruanda. Somalia. Nixeria. Soweto. Sur e norte noso. Caribes. Chuvia chuvia chuvia. Calor ecuatorial. Para curar a infección e a fame. Fogo. Meus amorosos. Sen posesión. Meus kikuios. Meus nubas. Meus nenos. Meus animais. Amor animal. Ningún animal morto por mulleres sen necesidade. Por ningún home bo. Ningún ser morto. Saber saber saber. Selva láctea. Instinto natural. Calidade máxima do material humano. Que saibamos. Que saia todo o pus das podres palabras do poder. Productos pedregosos tintados que tanto interesa meter polos ollos, polas orellas. Resistencia profunda da persoa profunda ao producto espúreo. Firmeza. Forza profunda dos profundos ollos libres moi abertos para a vida valente. Revolución profunda. Vén.

 

 

            As negras si

 

            Todo negro. Libia. Laca negra. Pigmento orgánico. Amor. Arte corporal. Muller núa de Mali. Negrada. Uva tinta. Negrón. Mazá madura. Coido. As Negras. Rochas redondas do mar. Mulleres negras do mundo. De Grecia. E Galicia.

 

 

            Todo negro

 

            Todo negro. Inmensamente negro. Panteira. Bandeira. Pintada. Pasos. Noite inmensa. Negro multicolor. Alegría negra. Negror.

 

Versión pdf ou para imprimir

Índice de Negritudes

  

 

Index | Presentación | Hemeroteca | Coordinación | Comité | Ilustración | Contacto